8-Outros tipos de Alcumes.

Ademais dos alcumes de persoas en Redondela recibimos alcumes polo lugar onde residimos e empréganse outros para denominar con sorna a xornais, empresas, coches...

 

 

 

Alcumes asociados ao territorio

 

Todos os redondeláns temos polo menos un alcume, xa que somos coñecidos como “Choqueiros”. Tradicionalmente, crese que este nome ven dado pola abundancia do choco nas nosas augas, pero varios autores defenden a teoría de que o nome provén dos choqueiros ou centulos que acompañaban á Coca nas festas, facendo ruído coas chocas ou cinzallas ao cinto. Gonzalo Amoedo López aporta unha terceira hipótese baseándose noutros significados que da a RAG: 2. Que resulta ridículo e estrafalario. 5. Persoa disfrazada con calquera roupa. Segundo este investigador da nosa historia podería facer referencia á forma de vestir con roupa estrafalaria por mor da pobreza, tendo en conta o topónimo Esfarrapada: 1. Que está moi gastado e roto, feito farrapos. 2 Que vai vestido con farrapos.

 

Outro caso é o dos habitantes da parroquia de Chapela, coñecidos como “Beretes”, que neste caso si que e polo peixe típico da zona. Outras parroquias con alcume serían O Viso, coñecidos como “Miñoteiros” ou tamén “Carrasqueiros”, e Negros, chamados “Negriños”, ademais do barrio de Rande (Cedeira), que recibe o de “Garotos”.

 

 

 

Xornais

 

A finais do século XIX e principios do XX, o xornal La Propaganda, Periódico Semanal Republicano, dirixido por Fernando González Gómez, criticaba desde as súas liñas ao seu enimigo político, o xornal La Verdad, dirixido por Amador Pérez Sobrino, empregando o sobrenome de “La Mentira” e, as veces, “La Cloaca”.

 

Na época da posguerra o Faro de Vigo recibía un alcume parecido ao anterior, “O Mentireiro”, porque se dicía que “a única verdade que contaba eran as esquelas”.

 

 

 

Empresas

 

“A Fedora”. Empresa na estrada da Portela chamada así porque se adicaba a procesar a grasa do peixe para empregala como combustible. Esta actividade provocaba cheiros desagradables que afectaban a toda a vila de Redondela.

 

A fábrica de cepillos E. I. M. A. ou Fábrica de Brochería y Cepillería S. A., na Estrada de Vigo, era coñecida como“A de Ferrín”, apelido do propietario, pero tamén como “La Negrera”, polas malas condicións laborais e os baixos salarios.

 

 

 

 

 

Os vehículos a motor.

 

En Redondela calaron moitos dos alcumes que se popularizaron entorno aos coches, tales como Escarabajo (Volkswagen Tipo 1) , Tiburón (Citröen CS), 4 Latas (Renault 4L)... Menos coñecido era o “Haiga”, alcume que recibían os coches de gran tamaño nas décadas dos 50 e 60 do século pasado. A broma era que se dicía que o propietario fora ao concesionario e pedira o “coche máis grande que haiga”.

 

Por aqueles anos tamén se empregaba o nome de Rancho en frío” para os coches luxosos. Exemplo: “Ten un Rancho en Frío, ¡menudo cochazo!”. Ata o de agora non sei de onde ven este alcume pero probablemente sería a castelanización dalgún modelo de alta gama de nome inglés.

 

En canto ás furgonetas popularizouse para todas o nome de “Decauve despois da comercialización da popular furgoneta alemá DKW.

 

Nos anos 40 do pasado século chamábase Botafumeiro” ao autobús da marca alemá Krump que viña de Tui, polo moito fume que botaba. Por extensión seguiu empregándose para referirse a calquera vehículo con exceso de fumes.

 

 

 

Autor: Juan Migueles

 

 

 

 

 

BIBLIOGRAFÍA

 

Doctor en Medicina y Cirugía. Bodas de Oro (1939-1989) Antonio Ocampo Otero.

 

Arredor de nós. Historia da Policía Local 1863-2003. Gonzalo Amoedo López e Roberto Gil Moure. 2003

 

Galeguismo e sociedade na Redondela da Segunda República. Lois Barros. Edicións do Castro

 

Redondela, crónica dun tempo pasado. A Segunda República e o primeiro franquismo. Gonzalo Amoedo e Roberto Gil. Edicións do Castro 2002.

 

Internovas. Historias de Redondela (http://www.ipdca.com/internovas/). Prensa en Redondela 1883 - 1933. Luis Pereda

 

A prensa en Redondela. Aproximación histórica 1883-1933. Gonzalo Amoedo e Roberto Gil. Ed. Concello de Redondela. 2001.

 

https://www.clicacoches.com/apodos-coches/

 

Portal de ditados tópicos galegos. Aportes Fundación Cela

 

Aportes orais.