O Traballo

Publicidade dos ultramariños "Xan Xan". Ano 1954
Publicidade dos ultramariños "Xan Xan". Ano 1954

 

Durante os meus estudios, alá polo 1996, realicei un traballo sobor dos alcumes de Redondela e desde aquela funlle engadindo datos. Pouco despois publicouse o libro Alcuños de Redondela de Francisco X. Sobral Crespo que contén as listas de Generoso Becerra e Lito Brea, ademáis da do propio autor do libro, no que atopei moitos alcumes que non tiña.

 

Os alcumes poden ser divertidos, curiosos ou desagradables, pero tamén son parte da nosa cultura e a nosa herdanza e como tales vou a tratalos. Dan nome a bares, tendas, veigas, muíños e ata a petos de ánimas. Están presentes na nosa toponimia e ata o propio Concello os emprega para nomear novos camiños. É habitual que nas esquelas apareza o alcume xunto co nome do finado e, nalgunhas ocasións, chega a incluirse na lápida, chegando a aparecer sen o nome.

 

Todos os redondeláns temos polo menos un alcume, xa que somos coñecidos como “Choqueiros”. Tradicionalmente, se pensa que este nome nos ven dado pola abundancia deste cefalópodo nas nosas augas, pero varios autores defenden a teoría de que o nome provén dos choqueiros ou centulos que acompañaban á Coca nas festas, facendo ruido coas chocas ou cinzallas ó cinto. Outro caso é o dos habitantes da parroquia de Chapela, coñecidos como “Beretes”, que neste caso si se debe a ser un peixe típico da zona.

 

 

 

 

 

 

Plantexamento do traballo.

 

Dividín os alcumes en:

 

  1. Alcumes clásicos: os da xente nada antes de 1950.

  2. Alcumes modernos: nados despois de 1950.

  3. Alcumes de mestres-as: alcumes de mestres-as que exerceron en Redondela dende 1975.

  4. Apelidos, nomes e alcumes: Apelidos e nomes que son tratados como alcumes.

  5. Hipocorísticos: Variacións dos nomes.

  6. Pseudónimos

 

Lápida na que o alcume sustitue aos apelidos.
Lápida na que o alcume sustitue aos apelidos.

 

         Separei os alcumes en clásicos ou modernos tomando como referencia a data de nacemento, antes ou despois de 1950, respectivamente. Na elección deste ano tiven en conta que fora un número redondo que nos permitira diferenciar entre a xente máis ou menos xove e os nosos maiores, alcumes estes últimos que as máis das veces pasan de xeración en xeración. Realicei esta diferenciación para contrastar a evolución dos alcumes.

 

Outra distinción que fixen foi a de alcumes de mestres-as, porque na maior parte dos casos non trascenden do ámbito escolar, o docente non reside en Redondela e só os alumnos os coñecen.

 

          O apartado apelidos, nomes e alcumes vén motivado porque ás veces os dous primeiros son confundidos con alcumes. Os apelidos poden variar o xénero e número ou ir acompañado da preposición "de", chegando a darse o caso de persoas coñecidas por un apelido que non ten. No caso dos nomes pasa algo similar cando unha persoa é moi popular ou ten un nome orixinal.

 

          Hipocorísticos son as variacións dos nomes das persoas. Ás veces varian tanto que difícilmente se relacionan co orixinal (Nao, Cunino, Nelos...). Escribo en primeiro lugar o nome en castelán, porque é o idioma que consta na maior parte dos nosos DNI, logo engado a forma en galego só nos casos nos que sexa diferente da castelá e, por último, os derivados, diminutivos ou aumentativos que se empregan ou se teñen empregado no nooso concello.

 

          Para rematar, pseudónimos son os empregados para firmar artigos xornalísticos. Case sempre foron de coñecemento público, mais de cando en vez, servían para ocultar a identidade do autor, a maioría das veces, no tocante a asuntos políticos.

 

 

 

 

 

Outras consideracións.

 

           Ao lado do alcume aparece a parroquia á que pertence a persoa. Se coñezo o barrio ou rúa, este irá separado con “-“; Ex: (Aldea-Cedeira). No caso de que o individuo nacera nun sitio pero vivira moito tempo noutro, os lugares aparecerán separados con “/”; Ex: (Quintela/Cesantes).

 

Moitos alcumes son herdados dos pais ou avós (Carallán, Leria...) por iso aparecen no apartado alcumes clásicos e non en alcumes modernos.

 

O xénero e número dos alcumes pode variar xa que pode pasar dunha persoa á súa parella, fillos, familiares... Sempre que sexa posible atopalo, porei o alcume orixinal independentemente das futuras variacións que puidera sufrir.

 

Tentarei poñer o nome propio nas ocasións que vaia ligado ó alcume (José Cagón, Coque Mazinger...) e evitarei poñelo naqueles casos nos que se di o alcume e o nome pasa a ser prácticamente descoñecido (Chini, Sachoni...)

 

Por último, a transcripción da gheada (trocar na fala o /g/ por /gh/) fagoa directamente coa “j” porque realmente é o sonido que empregamos na área xeográfica obxecto de estudo e ademais facilita a ubicación do alcume, xa que moitas veces difícilmente se pode diferenciar que é gheada e que é “j” pola imposibilidade de establecer a orixe do alcume.

 

 

 

 

Dificultades atopadas.

 

           Un dos maiores problemas que xurde neste traballo é a fina liña que separa os apelidos dos alcumes. Por un lado está a similitude, xa que tódolos apelidos no seu orixe se empregaban para diferenciar ás persoas do mesmo xeito que o fan os alcumes: mediante a descripción física ou do caracter (Rubio ou Larchán), facendo referencia ós proxenitores (Álvarez-fillo de Álvaro), baseándose na toponimia (Veiga ou Portela)...

 

Tamén está a tendencia da xente de acompañar os apelidos menos comúns con artigos e preposicións, o que dificulta diferencialos dos alcumes: os de Ipiña (Quintela), os de Bujones (Reboreda)...

 

E por último, esta a tendencia de aplicar un apelido a tódolos integrantes dunha familia aínda que non o teñan, chegando a cambiar o xénero do apelido para adaptalo á da persoa á que se fai referencia. Deste xeito, de apelidos como Balado ou Milleiro xorden alcumes como os Balados e as Milleiras.

 

A segunda dificultade que atopamos é a repetición de alcumes familiares en diferentes parroquias. Neste caso primeiro teremos que establecer a relación entre as familias e despois ubicar á persoa que deu orixe o alcume. Nalgúns casos e doado pero outras veces, dado o número de xeracións que herdaron o alcume, faise complicado incluso establecer o parentesco entre as distintas familias.

 

 

 

 

 

 

 

Juan Migueles

 

 

 

juanmigueles@outlook.es