9-Alias

Alias de algúns dos delincuentes que sen ser de Redondela pasaron polo seu xulgado ou o seu cárcere.

 

 

 

Argentino, el

 

Sebastián Vázquez Pardo, de 40 anos, alias "El Argentino", detido pola Garda civil de Redondela en 1940.

 

 

 

Banderillero

 

Constantino Villar Barca "Banderillero", carteirista detido en Redondela en 1941 como presunto autor da sustración de dúas carteiras no tren.

 

 

 

Basaura

 

José Carrera Carrera "Basaura" , reclamado polo xuíz do partido de Redondela en 1900 para extinguir a pena que lle foi imposta por delito de furto. Sería detido pola A Garda Civil de Ponteareas na parroquia de San Xurxo de Ribadetea, sendo el veciño de Bouza.

 

 

 

Cachorro

 

José Maña, alias "Cachorro", detido no cárcere de Redondela por tronzarlle a lingua a un veciño seu de Lavadores. Sería posto en liberdade baixo fianza de dúas mil pesetas en maio de 1894.

 

 

 

Cachuzo

 

Veciño de Teis que en 1915 era sospeitoso de ser un dos autores dun roubo na parroquia de Cedeira. Dous suxeitos asaltaron por unha xanela a casa de Josefa Rodríguez Lago e subtraeron de dúas arcas 18 sabanas, 6 almofadas, un cobertor, unha saia, unha mantiña, dous panos de seda, un mantel, dúas colchas, un par de botas, unha blusa, un faldón de bautizar, un mantón negro e tres panos de mesa.

 

 

 

Camisón

 

Coñecido carteirista, Felipe Santos Solar "o Camisón" foi conducido a Redondela en 1915, por estar reclamado por aquel xulgado de instrución como autor dalgunhas raterías. Tres anos despois sería detido na Festa de San Bernardo en Cedeira, por tentarlle roubar un medallón de ouro a un veciño de Guizán.

 

 

 

Coello

 

Sentenza en 1807 contra Manuel Bentura Domínguez, alias Coello.

 

 

 

Cubano ou Papeleiro

 

En decembro de 1931 suicidouse no cárcere de Padrón, José Miguéns Bentrón, "Cubano" ou "Papeleiro", quen fora recoñecido polo sarxento da Garda Civil de Redondela. Estaba acusado dos crimes de Estacas e Herbón, continuando a busqueda do seu cómplice Varela.

 

 

 

 

 

Cuco

 

En 1918 Faustino López "el Cuco" saíu do cárcere de Vigo en condución cara a Redondela, reclamado polo xulgado daquela vila. (19140819 El noticiero de Vigo)

 

 

 

Fagullas

 

Bugallo Barral, Manuel (a) "Fagullas", de cincuenta e oito anos, fillo de Francisco e de Rosa, natural de Moscoso (Redondela) e veciño de Lourizán (Pontevedra) foi procesado en sumario 85 de 1942, por furto. Compareceu en 1951 ante o Xulgado de Instrución de

 

Ponteareas para ser reducidos a prisión.

 

 

 

Franqueiro, o

 

En 1908 José García García "o Franqueiro", de 26 anos, de Amoedo, violou a unha moza que daquela era considerada como "imbécil" e, cando aquela o ameazou con dicirllo ao seu pai, matouna. No xuízo celebrado ao ano seguinte, foi condenado a 38 anos de cárcere.

 

 

 

Galiñeiro

 

En setembro de 1841 o concello de Redondela destina unha partida para socorrer a Gabriel Alonso alias Galiñeiro, da parroquia de Guizán (Mos)

 

 

 

Gorila, El

 

En 1960, por funcionarios da Brigada de Investigación Criminal, foi detido o delincuente habitual contra a propiedade, Gonzalo Currás Fonseca, de 29 anos, alias El Gorila, natural e con residencia habitual en Vigo, como autor de varios roubos en Vigo, Redondela e A Coruña. Na nosa vila roubou un bidón de aceite de oito litros que levou a pé ata Vigo, onde o vendeu.

 

 

 

Legañoso

 

A Garda Civil detivo en 1912 preto de Redondela, en Amoedo, aos fugados do cárcere de Vigo, Jesús Iglesias e José Rodríguez, alias "Legañoso". O primeiro entregouse pero o segundo fuxiu entre os piñeiros, sendo atrapado en Porriño. Rodríguez ademais de ser procesado por roubo nos xulgados de Redondela e Vigo, foi condenado pola Audiencia a 9 anos de presidio por roubo e violación. Cando estivo no cárcere de Redondela pouco despois, logrou fuxir con outros dous presos pero foron presos cando tentaban cruzar a Portugal. pola Garda civil de Porriño. O "Legañoso" ten tres causas pendentes por roubo, dúas no xulgado de Redondela e unha no de Vigo. A benemérita siu en persecución dos presos logrando capturar antonte en Tui aos tres individuos cando tentaban pasar a ponte internacional.

 

 

 

Loco

 

Compareceu ante a Audiencia, Antonio Pérez Pereira, acusado de roubo na casa dunha veciña de Nigrán, polo xulgado de Redondela.

 

 

 

Manco, El

 

Na feira de Redondela, eo 21 de marzo de 1901, foron detidos dous individuos que pretendían vender unha parella de bois que fora roubado en Forcadela. O primeiro, Luciano Navarro Moreno tiña 28 anos e era natural de Valladolid e veciño de Vigo; o segundo, Serafín Rodríguez González "El Manco", que xa fora detido por roubo, de 18 e veciño do Rosal.

 

 

 

Manco de Mollabao

 

En Pontevedra, en novembro de 1920, foron detidas Consuelo Salgado Magdalena, filla do "Manco de Mollabao" e Dolores Mato, as dúas reclamadas polo xulgado de Redondela. Acompañaban a un tal Emilio, ladrón de profesión e de porte distinguido e elegante, que se deu á fuga.

 

 

 

Mirón, O

 

En agosto de 1935, pola Garda Civil de Redondela foi detido Fermín González "O Mirón", de 23 anos, solteiro, veciño de Mos, que é un profesional do roubo moi perigoso, reclamado por varios xulgados.

 

 

 

Moreno

 

Un asasinato na festa da Coca

 

1922, 16 de xuño. Nas festas da Coca o mozo de Lavadores, José Pérez Rodríguez, coñecido como "Moreno", estaba bailando cunha moza. De súpeto, acercóuselle José Cajarville Mareque, de Vigo e casado, e quitoulle a parella. Ofendido " Moreno" chamoulle a atención e o outro deulle unha labazada. Cando ía devolverlla o vigués sacou un revólver e deulle un tiro no estómago, que lle provocou a morte. O asasino foi detido pola Garda Civil.

 

 

 

 

 

Moreno, o / Rifeño

 

En marzo de 1930, uns policías decatáronse que no tranvía de Chapela ía a amante do coñecido "palanquetista" José Estévez "o Moreno" e "Rifeño", reclamado por varios xulgados. Despois de seguila deron co delincuente ao que detiveron no alto do monte de Chapela, onde se agochaba.

 

 

 

Noygran

 

En outubro de 1884, Juan Pala "Noygran" atopábase no cárcere de Redondela de paso para a de Vigo, cando conseguiu fuxir aproveitando que se abriron os calabozos para repartir auga. Emprendeu unha vertixinosa carreira polas rúas da vila perseguido polo alcaide da prisión e outras persoas. Interpúxoselle no camiño un rapaz, caendo ao chan e podendo ser conducido novamente ao cárcere.

 

 

 

Pájaro Bragaña

 

Manuel Bragaña, quen tiña causas pendentes nos xulgados de Santiago, Tuy, Redondela, Vigo e outros, foi detido despois dun roubo en Valga. Ao ser trasladado a Redondela, o día de Reis de 1900, advertiu aos gardas civís que o escoltaban ía fuxir como así fixo. Sobreviviu vagando polos contornos pedindo esmola. Unha semana despois foi finalmente detido polos Garda Municipais de Santiago atopándose no seu poder un revólver cargado. Na seguinte condución a Vigo as medidas de condución do recluso serían maiores. O alcume foi posto polo xornal El Pueblo, que describiu as súas andanzas.

 

 

 

Parranda

 

En Ponteareas foi detido en xaneiro de 1929, Bernardo Castro Tobío "Parranda", natural de Porriño de 30 anos de idade, reclamado polo xulgado de Redondela polo roubo dun reloxo e unha cadea a un veciño de Mos. O detido recoñeceu ser autor de máis roubos.

 

 

 

Peralta

 

O cocheiro José Barreiro Fernández, alias Peralta, foi detido en xuño de 1917 polo roubo de varios obxectos a Benito Bravo e 31 quilos de chumbo, na fábrica de conservas que os herdeiros de Maximino Crespo teñen na Travesía.

 

 

 

Pitis i El Rojo

 

O 5 de novembro de 1922, Antonio Barreiro Sagasta “Pitis” entrou no almacén da estación de Redondela e apoderouse de vaios efectos valorados en 330 pesetas. Despois con José Raña Gómez, que na confraría de Monipodio é coñecido como “El Rojo”, venderon o roubado a Anselmo Parada Vñazquez. O “Pitis” foi condeado a 4 meses e 1 día de arresto maior e os outros dous foron multados con 125 pesetas cada un por encubridores.

 

 

 

Pollo de Granada

 

En agosto de 1913, cando o industrial de Soutomaior tomaba o tren na estación de Vigo para dirixirse a Redondela, tentou roubarlle a carteira un suxeito, o cal denunciado polo señor Novás ao chegar a Redondela foi detido por unha parella da benemérita, resultando chamarse segundo dixo Francisco Martínez, coñecido como "Pollo de Granada".

 

 

 

Portugués

 

O día 6 de marzo de 1912, no barrio da Moureira en Pontevedra, Teresa Villaverde, solteira, de 24 anos, deu a luz unha nena, coa que cometeu un infanticidio, asfixíandoa cuns trapos. Logo entregou o corpo ao amante da súa amiga, María Iglesias, para que o ocultase. Dito suxeito, chamado Manuel o Portugués, que resultou chamarse Antonio Abreu, foi detido en Redondela o día 7 polo inspector de Vixilancia, sendo trasladado a Pontevedra para ingresar no cárcere.

 

 

 

Rabioso

 

En abril de 1916, a Garda Civil detivo na estación de Redondela a Enrique Pérez, quen xa cumprira condena en Alcalá, sospeitoso dun roubo de xoias en Vigo. O seu cómplice Jesús Lago Barbeito, alias "Rabioso", tamén ingresou no cárcere.

 

 

 

O Rubio, El Rojo e Angelillo

 

En marzo de 1914, foron detidos tres carteristas que viñan actuando na estación de Redondela. Unha parella da Garda Civil detivo a Amadeo Fernández Fernández "O Rubio", de 33 anos, solteiro e natural de Gijón. Dándose á fuga os seus compañeiros José García López "El Rojo" e Ángel Ramírez Ramírez "Angelillo", de 29 e 17 anos, veciños de Vigo; que posteriormente serían detidos en Cedeira.

 

 

 

Sabio, o

 

1915. Arturo Rodríguez de Pazos Prata, alias “O Sabio”, que curaba por medio do hipnotismo, foi detido pola Garda Municipal por orde da alcaldía, por dedicarse ao meigallo. Coa promesa de tomar o tren a Portugal como fixo, foi posto en liberdade.

 

 

 

Seiscientos

 

En maio de 1913, o xuíz de Redondela, Sr. López de Saa y Atocha, ordenou a detención do veciño de Trasmañó, Manuel Couto Bubeta, a quen o alcalde de barrio de Cabanas acusa de roubar e lesionar a Eulogio Pastoriza a noite do domingo. Pastoriza regresaba de Chapela cando no lugar de Fondón, asaltouno Couto e outros dous suxeitos descoñecidos. Déronlle unha malleira, quedando sen sentido durante 5 horas, e roubáronlle 50 pesetas. Por sospeitas de ser un dos agresores, foi detido pola benemérita, o portugués Manuel Gómez Dacosta, alias “Seiscientos”, de oficio serrador.

 

 

 

Trapalladas

 

En outubro de 1912, a benemérita de Marín detivo en Estribela ao rapaz de 19 anos Marcelino Penelas "Trapalladas", natural de Santiago e reclamado polo xuíz de instrución de Redondela como presunto autor de varios roubos realizados na cocheira de D. Manuel Amoedo e bodega de D. Bernardo García, veciños daquel pobo.

 

 

 

Tuerto, el

 

En marzo de 1922, conducido por unha parella da Garda Civil saíu do cárcere de Tui para o de Redondela o recluso Benigno Losada “El Tuerto” moi coñecido entre os nosos paisanos polas súas falcatruadas.

 

 

 

 

 

Autor: Juan Migueles

 

 

 

BIBLIOGRAFÍA

 

Arredor de nós. Historia da Policía Local 1863-2003. Gonzalo Amoedo López e Roberto Gil Moure. 2003.

 

La Voz de Galicia

 

La Idea

 

Galiciana=>El Pueblo Gallego, El Eco de Galicia, La Integridad, El Diario de Pontevedra, El Correo de Galicia, La correspondencia gallega, El Noticiero de Vigo, Gaceta de Galicia, El Lucense, La Noche, El Ideal Gallego, El Progreso

 

La Correspondencia militar

 

Boletín Oficial del Estado